xoves, 16 de marzo de 2017

Exam

Hoxe traio unha película que non ten nada que ver coa anterior pero sigue na liña de películas pouco coñecidas. Esta non ten unha forte mensaxe mais é unha película bastante entretida que che deixa coa dúbida ata o final. Destaca en parte sobre algo que falei anteriormente, o valor das palabras, mais tampouco é exactamente a mensaxe desta peli. (Aproveitei un pouco para facer spam, porque é gratis e porque é meu blog e son as miñas normas, haha)

Exam trata dun grupo de empregados que loitan por aspirar a un posto de traballo recoñecido e para iso teñen que pasar por un exame no cal resultará tan só unha persoa escollida. A clave está en que o papel do exame está en branco e para poder contestar, antes teñen que achar a pregunta.

Exam é unha historia simple e sinxela que se realiza nun único escenario (polo que o presuposto suponse que foi baixo). O ritmo da cinta é bastante entretido e continuo e a maneira en como van resolvendo os problemas e buscando solucións engancha.

En canto á escenografía, non destacan grandes cousas. Como dixen, só se realiza nunha sala, con cores escuras e que cambian ao longo da trama. Non hai nada de decorados, tan só as luces que aparentan formar un papel importante ante as suposicións dos candidatos.

As actuacións non son nin malas nin boas, non destaca ningunha. Todos cumpren co papel encomendado.
  • Traballar en grupo. Búscase a cooperación entre todos os candidatos para lograr superar a gran cuestión, mais tan só un sairá airoso da proba.
  • Cámaras que os vixían. Un elemento moi empregado no cine (sacando a obviedade de que as películas son gravadas con cámaras xD). O control que existe entre os do rango inferior por parte dos do rango superior.
  • As palabras. Atender ao que se di (e a veces ao que non se di). Prestar atención porque todo pode ser importante.
  • Desconfianza. Verdade ou mentira? Que esconde cada candidato? Moitas preguntas que tratan de resolverse sen realmente ter una gran relevancia na proba final pois tan só depende dun mesmo.
  • Ambición. Ata onde podemos chegar para lograr o que se quere conseguir?

Opinión persoal:
Exam non é un “peliculón”, nin sequera unha película que che fará pensar, pero para unha tarde aburrida con amigos/ familia logrará facercha entretida. A trama faiche continuar sentado ao sofá tratando de desvelar de que se trata a proba!
A película deixa caer unha idea importante e que estaría ben preguntarse...ata onde é capaz de chegar o ser humano para alcanzar unha situación de vida moi favorable e soñado? É dicir, cambiaríamos se estamos a un paso de lograr o noso soño?
Creo que depende da personalidade dunha persoa. Eu persoalmente creo que non sería capaz de facer algo que vaia en contra dos meus valores, pois non viviría tranquila (a conciencia). Penso que é clave saber quen somos e todo aquilo que nos fai ser feliz...realmente vale a pena? Vale a pena romper unha regra básica da túa vida para lograr algo que non sabes con certeza como pode rematar?
Anímovos a responder esta pregunta! Simple pero persoal. De feito ata daría para unha reflexión!
Para a semana máis e mellor...



venres, 10 de marzo de 2017

Falar cun Mesmo

Despois de dúas semanas de “vacacións” (por entroido), hoxe si que toca unha entradiña! E como non tiña nada preparado nin teño a inspiración suficiente  (despois de tratar de escribir sobre dous temas que logo retomarei) díxenme...non podo deixalo como fago sempre e logo aparecer despois de meses! Entón, volvinme a dicir.... falemos sobre iso, sobre falar cun mesmo.
E aquí me vexo, falando comigo mesma e con vos, cos que me ledes, pois a fin de contas internet serve tamén para poder expresar eses pensamentos que lle roldan a un pola cabeza.
Buscando a inspiración noutras cousas...

Porque falar cun mesmo ten as súas vantaxes e tamén inconvenientes. O lado positivo é que te podes escoitar a ti mesmo, ser fiel aos teus pensamentos, ir acorde coa túa moral, etc. Pero por outra banda, se só te escoitas a ti mesmo, podes chegar a pecharte a outros puntos de vista e non ver máis aló.
É por isto que me gusta o que fago... porque podo expresarme eu e ademais recibir outro tipo de pensamento ou crítica positiva (porque non creo que ningunha sexa negativa, pois o negativo non vai a ningún lado).
E é aquí onde expreso a miña falta de inspiración nestes días (xa se nota ben na entrada), mais estou segura que en calquera momento volverá. E aquí o deixo, breve expresando o que neste momento me vén pola cabeza.