venres, 24 de febreiro de 2017

A Historia que Ninguén Coñece

Antes de comezar esta historia teño que dicir que a escribín fai tempo. Foi para un concurso en 2º de Bacharelato. Vale, tampouco hai tantos miles de anos, hahaha! Pero, hoxe en día cambiaría algunhas maneiras de narrar e incluso algún dato polo medio, mais decidín deixala tal cal a escribín por primeira vez. Dito isto, aí vai:

Eu sempre existín, antes de que se formara o planeta Terra, incluso son anterior ao cosmos. Se os filósofos souberan da miña existencia, mellor dito, se se fixaran en min, xa non terían tanto problema para achar o logos, esa Lei Universal tan buscada.
Pero isto non se trata da filosofía, senón da miña función en cada unha das galaxias e máis especialmente no mundo onde habitan aqueles seres vivos que cren ser os únicos con vida en todo o universo. Hum, valentes ilusos!

Primeiro debería explicar a miña estrutura, xa que a miña procedencia quedou demostrada anteriormente. O certo é que sempre estou en tódalas partes, pero, non se me ve e véseme ao mesmo tempo. A luz cegadora do universo non consegue taparme de todo no infinito pero si o sol no mundo terrestre. Estou tamén no interior de tódolos humanos e fago presenza en algo máis profundo se cabe, en certos sentimentos e tamén pensamentos caracterizando o mal.
Desenvólvome por varias zonas á vez, podo estar aquí e aló ao mesmo tempo, dentro ou fóra, na parte máis externa, arriba; ou na máis interna, abaixo. A noite é o meu estado ideal, é a marca que me caracteriza. Si, eu podo ser aqueles ollos que miran pero non ves facendo gala coa súa presenza. Son aquilo que, cun ápice de luz, che fai ver sombras e supostos espectros. Xa lle gustarían a moitos saber de min, a pesar de terme tan cerca.

Isto recórdame unha anécdota ou historia. Depende do criterio. Era unha noite pechada e a penas sen luz naquela autoestrada dirección Burgos-Galicia. Unha densa néboa facía que aquel condutor reducise bastante  a velocidade, chegando ata o límite permitido. O seu rostro mostraba cansanzo e un tanto de preocupación. Ía tranquilo pero atento. De súpeto, visto naquela situación e cuns inicios de pingas que se precipitaban dende as nubes, pareceulle ver un home andando e levantando os brazos, como facendo acenos de axuda. Pero aquel que levaba o manexo do coche, decidiu seguir o seu camiño sen parar, cavilando naquel ser.
Eu estaba alí, e sei o que pasou, pódese dicir que teño parte de culpa, pero o certo é que non había “homiño” nin brazos axitados, simplemente foi a confusión que podo chegar a levas ás persoas.

Con isto non quero que pensedes que actúo con maldade eh! Nada que ver, só é a imaxe que teñen de min. Tamén mostro positividade. Os nenos venme como algo tenebroso, pero ben que me queren para ir ó cine ou xogar ás agachadas á noite. Os adolescentes creo que me adoran, sempre esperándome para saír de festa. Malditos cativo! Se non fixeran certas estupideces todo iría ben!
Do meu lado metafórico, ou como a min me gusta chamarlle, a miña estrutura terciaria, non me gusta falar, pero quero deixalo claro cun exemplo: Fai un par de anos, non recordo se era marzo ou abril, coñecín a un rapaz, Xoán, que coa curta idade de catorce anos, adquiriu malas actitudes de vida. A miúdo berráballe a nai, saía sen permiso, logo chegou o alcohol e pronto comezou a “coquetear” con drogas. No seu entorno podíase apreciar tristeza e angustia. Todas as persoas asegurábanlle un futuro moi....meu. Aí fago presenza.

En fin, nese sentido non son agradábel pero teño que dicir que non souben máis do raparigo. Suponse con iso que superou as adversidades? Déixoo ao voso criterio.
Co paso da historia, por desgraza ou non, fun evolucionando. Hai aproximadamente 790000 anos cara atrás, no Paleontolítico, o homo erectus descubriu o lume, o que supuxo, non só un gran cambio na humanidade, senón tamén en min. A dominación que eu tiña sobre a noite pasou a ser invadida por esa intelixencia humana que facilitou a evolución. Aínda que a verdadeira revolución chegou tras o descubrimento da lámpada incandescente, dito doutro xeito, a bombilla. Thomas Alva Edison non puido estarse quietiño e non lle valeu só con mostrar esa brillante luz ante miles de persoas, senón que logo inaugurou a primeira central eléctrica para xerar alumado nas rúas. Tiñades que ver aquela rúa de Wall Street, dese modo poderiádesmo contar, xa que eu non puiden presenciala. Pero con todo, non o culpo, o home fixo ben.

Ante a miña presenza ocorren cousas horribles, situacións que marcan a historia, bombardeos e levantamentos, auténticas revolucións, queimadas de libros que me cegaban. O peor, é que parte disto segue existindo. Mentres que uns intentan quebrar...outros xuntas as mans aferrándose todos xuntos para resistir. Non vedes? Con isto demostro que non teño maldade, a pesar de que se empeñen en darlle o meu nome a períodos históricos nada positivos como a anos (polo historiador Petrarca a causa da falta de carácter na literatura latina), a idades (á Idade Media polo retroceso intelectual e cultural, así como o adormecemento social e económico) e a séculos (na decadencia do idioma galego).
En fin, que xa é moito rollo para o pouco misterio que me queda. Achégate á pantalla do móbil e poderás ver o teu reflexo en min; nun xersei negro, alí estou. Diante, detrás. Benditas sombras de obxectos que me fan presenciar, tubos cilíndricos, tobogáns pechados nun parque acuático, a miña presenza cando a xente vai durmir...é xenial!

Pero a todo isto, hai que ter en conta, que existen persoas que sempre me levan e que non por iso teñen unha mala vida, todo o contrario. Son esas persoas que, a pesar de abrir os ollos, seguen sen poder ver a cor que eu tanto repugno. Todas elas que non poden ver no mundo que nos rodea de forma literal, pero si o interior, que vai sendo o máis importante que pode existir. Co meu lema “apagar o luminoso para poder ver o verdadeiro ser” quero demostrar que todo aquilo que se ve son cousas adicionais que nos fomos metendo na vida e que, son simples envolturas que, como tales, van directas á papeleira, xa que o que importa é desfrutar do interior.
Non podo ser algo absoluto porque as condicións físicas do universo mo impiden, pero ante o ollo humano teño o poder. Efectivamente, eu son a escuridade tan poderosa como inofensiva. Só son unha testemuña do que pasa ante a miña presenza, pero son iso, simplemente algo perceptible que non fai dano a ninguén e que a miña imaxe está influenciada polo prexuízos. Son os seres que habitan esta terra, os culpables de todo canto pasa.

1 comentario:

  1. Raro, curioso, maduro por unha banda, pero algo deslabazado (adolescente) por outra... sabes que a práctica é o único xeito de ir mellorando expresivamente...por exemplo, o blog como tal: vai collendo corpo!

    ResponderEliminar