mércores, 30 de marzo de 2016

A Escola de Sempre


Empezamos dende ben pequeniños, chega aquel momento no que por primeira vez nos separamos de mamá e papá para deixarnos nas mans dun/ha estraño/a. Esa persoa que a medida que o ano vai pasando, pouco a pouco se vai volvendo máis familiar.
Déixannos alí, dentro dunha especie de habitación, onde hai cadeiras e mesas dispostas ao longo desta. Un encerado, unha mesa máis grande, hai xoguetes (para a nosa sorpresa)  , un colgadoiro para o mandilón que temos que levar... Ese panorama que nos seguirá (ou nos con el) ao longo da nosa vida (para uns máis ca outros) sufrindo determinados cambios a medida que superamos etapas. Dinnos que é unha clase dentro da escola, e que alí se vai a aprender. Ese concepto que crecerá con nós.
Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato... Estás loitando por saír a diante, esforzándote e traballando, pero, a pesar de que a plena aprendizaxe depende do individuo; os profesores, o ambiente, as condicións...tamén inflúen en gran medida.
Chegas, séntaste, chega o profesor e da a lección. Moitos non se centran en máis nada. Acumulacións de informacións abstractas que costan reter na memoria para logo “vomitalas” nun exame. Punto básico de toda a nosa vida como alumnos. Repeticións de fichas, contas e exercicios, ditados, lecturas, correccións... cun escaso sentido práctico.
Persoalmente tiven sorte, e contei con grandes profesores, o que a veces é difícil, que ao longo da túa vida académica te atopes cunha gran cantidade de profesorado que valla a pena. Aínda que tamén están aqueles dos que a penas me acordo, seguramente pouco aprendín con eles.
Dificilmente desta maneira saberemos o que queremos nun futuro. Máis que nada porque a penas existen ofertas de orientación eficaces. E chegamos á Universidade e cando pensamos que todo iso pode cambiar...atópaste igualmente con faltas de organización, profesores que deberían estar retirados, que non saben explicar nunha universidade, decanato que non responde as túas peticións (e se o fai non o xustifica)... O triste é que agora, se estás pagando directamente por “tal” materia, e se a tes, será porque queres aprender e saber dela, porque che gusta o que estás estudando.
Ao final todo xira no mesmo sentido e pregúntaste...que fago aquí? Porque non só tiveches que  competir cos teus compañeiros para poder entrar, senón que ademais, unha vez dentro, tras a túa loita, non atopas a total seriedade que te mereces. Quizais a resposta a miña pregunta sexa simple, como profesora en formación e polo tanto futura mestra, teño nas miñas mans a posibilidade de cambiar aqueles aspectos que,  tras a miña experiencia, non me aportaban nada no meu día a día, e sumarlle aquilo que che fai pensar, emocionar, entreter, rir, pasalo ben mentres aprendo nunha clase.

1 comentario:

  1. Boa reflexión... só dicir que estando sentado na silla (e coco coco no seu sitio) aprendemos do que nos ensinan e tamén "do que non nos ensinan" (ou non quixeran ensinarnos!) e do que "podemos ensinar como alumno"... realmente o termo aprender en galego é moito máis rico que en castelán...

    ResponderEliminar