mércores, 30 de marzo de 2016

A Escola de Sempre


Empezamos dende ben pequeniños, chega aquel momento no que por primeira vez nos separamos de mamá e papá para deixarnos nas mans dun/ha estraño/a. Esa persoa que a medida que o ano vai pasando, pouco a pouco se vai volvendo máis familiar.
Déixannos alí, dentro dunha especie de habitación, onde hai cadeiras e mesas dispostas ao longo desta. Un encerado, unha mesa máis grande, hai xoguetes (para a nosa sorpresa)  , un colgadoiro para o mandilón que temos que levar... Ese panorama que nos seguirá (ou nos con el) ao longo da nosa vida (para uns máis ca outros) sufrindo determinados cambios a medida que superamos etapas. Dinnos que é unha clase dentro da escola, e que alí se vai a aprender. Ese concepto que crecerá con nós.
Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato... Estás loitando por saír a diante, esforzándote e traballando, pero, a pesar de que a plena aprendizaxe depende do individuo; os profesores, o ambiente, as condicións...tamén inflúen en gran medida.
Chegas, séntaste, chega o profesor e da a lección. Moitos non se centran en máis nada. Acumulacións de informacións abstractas que costan reter na memoria para logo “vomitalas” nun exame. Punto básico de toda a nosa vida como alumnos. Repeticións de fichas, contas e exercicios, ditados, lecturas, correccións... cun escaso sentido práctico.
Persoalmente tiven sorte, e contei con grandes profesores, o que a veces é difícil, que ao longo da túa vida académica te atopes cunha gran cantidade de profesorado que valla a pena. Aínda que tamén están aqueles dos que a penas me acordo, seguramente pouco aprendín con eles.
Dificilmente desta maneira saberemos o que queremos nun futuro. Máis que nada porque a penas existen ofertas de orientación eficaces. E chegamos á Universidade e cando pensamos que todo iso pode cambiar...atópaste igualmente con faltas de organización, profesores que deberían estar retirados, que non saben explicar nunha universidade, decanato que non responde as túas peticións (e se o fai non o xustifica)... O triste é que agora, se estás pagando directamente por “tal” materia, e se a tes, será porque queres aprender e saber dela, porque che gusta o que estás estudando.
Ao final todo xira no mesmo sentido e pregúntaste...que fago aquí? Porque non só tiveches que  competir cos teus compañeiros para poder entrar, senón que ademais, unha vez dentro, tras a túa loita, non atopas a total seriedade que te mereces. Quizais a resposta a miña pregunta sexa simple, como profesora en formación e polo tanto futura mestra, teño nas miñas mans a posibilidade de cambiar aqueles aspectos que,  tras a miña experiencia, non me aportaban nada no meu día a día, e sumarlle aquilo que che fai pensar, emocionar, entreter, rir, pasalo ben mentres aprendo nunha clase.

martes, 1 de marzo de 2016

O Mundo onde todo é Competencia

Creo que o título deixa máis que claro de que vai o post de hoxe....

Dende unhas perspectiva máis metafórica, pódese dicir que incluso antes de nacer, os espermatozoides xa están loitando entre eles para fecundar o óvulo que logo dará lugar a cada un de nós.
Pero, deixando temas da natureza un pouco ao lado, vaiamos coas culturais. Sii, a nosa cultura da competencia. Porque está por todos lados, non damos un paso sen competir co outro, é como a nosa sinal de supervivencia, o instinto do animal salvaxe. Competir por aquilo que todos queren, chegando (en ocasións) a finais non desexables.

O certo é que sen competir, parece ser que non se vai a ningún lado. Aparecen en todos os medios, ese ego de ser o mellor,  a meritocracia na que todos os nenos hoxe en día son educados. Competencia para levar un país a diante. Da pena que para chegar ao poder, todos eses políticos se estean tirando dos pelos, e sacando os “trapos sucios” de cada casa, viven en constante competencia para sacar o maior número de votos (ou non) e gobernar (ou iso din).
Incluso, na competencia do deporte que debería ser a máis sa, non existe tal estado. A gran empresa do fútbol (da que algún día falarei), con millóns de seguidores que loitan entre eles como se non houbera máis vida que este deporte, chegando ás mans, a insultos e demais. En vez de desfrutar do seu equipo prefiren pegarse entre eles. Pero non só estes, que ao fin e ao cabo son unha minoría, senón a prensa que envolve aos deportes, as discusións que provoca con argumentos sen coherencia. E incluso os propios xogadores, que se “pican” entre eles como se foran nenos no patio do colexio.

Pero como ía dicindo, a ningún lado se entra sen competir. Mesmo para poder estudiar, vémonos obrigados a competir cos nosos compañeiros para lograr unha nota superior á deles. E non serve con isto, senón que logo, na hora de atopar traballo tamén te volves a ver na mesma situación. Competencia e máis competencia...


https://innovacionycalidadgrafica.files.wordpress.com/2015/03/competencia.jpg?w=1200

Vivimos en competencia, e como se pode cambiar isto?
Na miña opinión, é un estado complicado do que saír, xa que inconscientemente o estamos facendo, temos ese instinto, temos gañas de competir e sentirse superiores. E onde deixamos o estado de igualdade? Non existe, existen superiores e inferiores, en menor medida que antes, pero segue existindo esa diferencia.  É unha pena, porque defendo a competencia no deporte, sempre que ao acabar o partido todos acerquen a súa man ao xogador/a contrario. Xa que non debe ir máis aló, suponse que todos estamos facendo algo que nos gusta, un día sairá peor e outro mellor. Xa se verá como remata todo isto, pero deducín de min (da miña personalidade) que odio competir, odio ter que compararme, cada un é como é, e debe facerse valer polo que é, sen mirar, nin desprestixiar a ningún outro.