luns, 19 de setembro de 2016

A experiencia de correr


Poño as mallas, ato as zapatillas (empezando polo pé dereito...manías!), camiseta, reloxo para cronometrar, e a correr.
Correr é como a vida mesma, temos momentos bos, momentos non tan bos, momentos malos... Correr a min, persoalmente dáme aire, non mo saca. Faime sentir mellor, segura comigo mesma, capaz de todo. É un momento de total liberdade, ti, controlando a propia respiración, escollendo os lugares polos que ir, sen presa (ou si), e sen pausa.

Cando empecei a facer este deporte, o certo é que lle collín gustillo dende o principio. Tamén hai que dicir que empecei a facelo por mor dunha dieta, para baixar quilos vamos. Hoxe, podo dicir que o fago por gusto. Fóra de pretensións estéticas.

Coller aire pola nariz e botalo pola boca; levantar as pernas do chan. Correr proporcionanos a forza que cremos non ter. Cando parece que o corpo non quere, aí está a mente para dicirche que si podes. Sempre se pode dar máis, ir controlando. Aparece unha costa, e sabes que tes que reducir a intensidade para dala subido. Logo volve unha costa abaixo para recuperar.

Non pretendo ser das que quere  convencer con isto do deporte, pero é certo, o deporte axuda a sentirte mellor. Axuda no humor, na motivación, nas ganas de facer cousas...

Unha rutina que forma parte do meu día a día, xunto con outras formas de facer deporte alternativas,,, tal vez haxa que estar un pouco tolo, pero quero esta tolería.

xoves, 7 de xullo de 2016

Unha Vida Chea de Cambios

Eu diría máis ben, os cambios necesarios da vida porque... que sería dunha vida sen cambios?

Todos medramos a medida que pasan os anos: aos nenos empézalle a medrar a barba, cambiar a voz; as nenas poñen cadeiras, crécenlle os peitos...
Pero todos eses cambios físicos van da man cos cambios de conducta. Está claro que unha nena de 5 anos non vai a reaccionar da mesma maneira que unha de 10 ou 18. Cambios na nosa forma de ser, na maneira de relacionarnos, nas nosas responsabilidades...Unha dáse de conta que madurou cando te decatas de que a túa maneira de pensar e ver as cousas cambiou.
Cando miro atrás e regreso a 3º da ESO,  recordo que me sentía maior, sentíame con moito vivido xa, sentíame unha “mamá” ao lado dos nenos de primaria; agora, que estou por empezar segundo ano de carreira penso... canto che queda por vivir...a saber cantos cambios che esperan...antes, tan só era unha rapariga como os rapaces de 3º da ESO que vexo cos meus ollos de 19 anos. Conclusión: sigo sendo esa rapariga, con algo máis vivido, pero moito por vivir.
Paso a paso, superando obstáculos!

Pero non todos os cambios son inconscientes nin inevitables. Hai veces que sentimos a necesidade de cambiar algo que nos fai sentir mal, que non nos enche. Ese algo é moi amplo, pode ser dende compañías, o lugar onde vives, o traballo, hábitos, etc. Cambios que se poden facer XA. Cando o que queremos facer está nas nosas mans, todo debería ser máis fácil.
É por iso que, nós, os que agora somos novos, os que temos a oportunidade de provocar cambios maiores, somos os que debemos dar o paso a un mundo mellor. Que non pretendan cortarnos as ás, que non pretendan dicirnos que algo está mal cando estou segura que está ben, que non permitamos que nos tomen o pelo, non permitamos que nos achiquen e convertan en marionetas dun xogo que non gusta. Temos a capacidade de soñar e de, polo tanto, perseguir iso que desexamos, de facer cousas novas, de darlle un xiro... Pode que todo o que estou dicindo sexa moi fácil de dicir, pero realmente eu véxoo moi fácil de facer. Tan só sería tratar de cambiar algo para beneficio de todos. Ao mellor, tamén é o meu pensamento soñador o que me fai dicir estas palabras.

Pero aínda así, e con ánimos por cambiar algo digo que... NOS PODEMOS CON TODO!

xoves, 9 de xuño de 2016

Receita 1: Polo con Cúrcuma acompañado de cuscús e verduras


Hoxe presento a miña primeira receita e quixen arriscar con algo que ata agora nunca fixe: Polo con Cúrcuma ao que decidín acompañar cun cuscús e verduras para non afastarse das súas orixes.
É unha receita moi fácil de facer, que require de tempo, pero o normal para unha elaboración de comida.


INGREDIENTES: 
Para o polo:

-          Polo (a cantidade que se precise na ocasión)    -Aceite

-          Cebola                                                                                -Allo

-          Sal                                                                                        - Pementa

-          Unha cullerada de cúrcuma
Para o Cuscús:

-          Cuscús

-          Verduras (ao gusto, como me gustan os platos coloridos eu escollín: pemento verde, vermello e amarelo; berenxena; cebola; tomate; zanahoria.)

-          Sal

-          Pementa

-          Améndoa laminada (opcional)

PREPARACIÓN:
*Collemos unha pota, engadimos o aceite e a continuación o polo con sal e pementa. Deixamos que se doure, e despois engadimos o allo e a cebola.. Logo, engadimos a cullerada de cúrcuma e revolvemos. Unha vez pochada a cebola, engadimos auga ata que case se cubra o polo e deixamos reducir. 
*   Para o Cuscús, primeiro fervemos a auga e logo engadimos. Non tarda nada en facerse, eu aconsello engadir unha pouca auga con sal e deixar repousar.
*Para as verduras: nunha tixola engadimos un pouco aceite, e engadimos as verduras, sal e pementa. Fanse a fogo lento. Cando estean máis ou menos feitas, engadimos allo en láminas e se se quere améndoas. Eu ademais, rociei viño branco para que lle dera un sabor diferente. Cando xa estean feitas, engadimos o cuscús que tiñamos reservado e mesturamos todo.




A SABER:
A cúrcuma é orixinaria da India, China e Oriente Medio. Hoxe en día tódolos países tropicais a cultivan e ademais de para a gastronomía, tamén se emprega na medicina polos seus múltiples beneficios:

-          Reduce a acidez do estómago

-          Evita os gases

-          Protexe o fígado e o corazón

-          Bo remedio para curar a artrite

-          Antidepresivo natural: estimula o sistema nervioso e ten efectos no sistema inmune e no estado de ánimo. Reduce pois, os niveis de estrés e aumenta os niveis de serotonina no corpo.

-          Aumenta as defensas

-          Remedio natural para os problemas respiratorios

-          Antimicrobiana: axuda a eliminar os microbios evitando, por exemplo, que as feridas se infecten.

-          Regula os ciclos menstruais

-          Permite tratar algún tipo de cáncer como por exemplo o Alzhéimer

Continuaremos aprendendo con máis receitas...

luns, 6 de xuño de 2016

O Mundo onde Todos Vivimos

Millóns de persoas habitamos o mesmo lugar, a Terra. Pero vivimos independentes do resto, na nosa burbulla, no entorno que nos rodea. Non nos decatamos da existencia da gran maioría, e a veces, pecamos de egoísmo, pensando que só existes ti.

Moita xente di que houbo tempos mellores, eu creo que non existen tales, creo que depende de como se enfronte a situación que nos toca, de como aproveites cada momento, de como elixas vivir.
Vivimos actualmente nun momento moi bo co avance das tecnoloxías e as oportunidades que nos presentan, pero unha vez máis, vémonos atrapados polo negativo (ademais do positivo, non todo é malo). Refírome a que, ao mellor, agora tense máis en conta a persoa que non está aí contigo, evadíndote da que si está, inmersos nunha conversación que solucionarías en 5 minutos falando cara a cara, ou mesmo cunha chamada se é moi urxente.
http://www.losabes.com/wp-content/uploads/2015/09/La-triste-realidad-sobre-el-mundo-de-hoy-en-d%C3%ADa-ilustrado-por-Steve-Cutts-1.jpg

E mentres tanto, vemos como todo se vai transformando. Edificios cada vez máis grandes invaden as cidades, estradas que levan a mil lugares, millóns de coches que as percorren, fábricas para os nosos praceres e despois preguntámonos... Que é do cambio climático? Que pasa co tempo: un día calor, outro frío; un día praia, outro manta... O mar, só intenta recuperar o seu, só trata de volver ao lugar que lle sacaron; a Terra só trata de paliar unha situación de perigo, intenta compensar o mal que lle estamos facendo.
http://laestrella.com.pa/media/news/image/114365_800x600_crop_5511801dbafeb.jpg
Atenas, Grecia

Deberiamos ser máis conscientes, polo noso ben e tamén polos demais, polas persoas que están por vir, e por aquelas que loitaron en tempos pasados. Un pequeno xesto non costa nada. Simplemente hai que dar o paso.

Sexamos solidarios!

martes, 31 de maio de 2016

Cambios que veñen...


As persoas, co paso de cada ano, aínda que non nos decatemos, cambiamos, e non só fisicamente, senón interiormente. Aprendemos cousas novas, experiencias que nos aportan para o noso día a día, ou para non volver a cometer un erro...crecemos pois, como persoas.

Embárcaste en novas etapas, cambios importantes, propostas de futuro...

Levo dende 2012 escribindo aquí (a veces con máis frecuencia que outras), é dicir, 4 anos e só hai que mirar para atrás, para ver que, tan só na maneira de escribir, algo cambiou e está cambiando.

Neste blog quero pasar a unha nova etapa, con contidos máis completos, novos temas a tratar, vivencias e experiencias, preguntas...

A miña idea a partir de agora é ampliar un pouco a temática. Ata agora só expuxen  algunha reflexión sobre certos aspectos da vida. Situacións que viven con nos inconscientemente. Pero quero ir máis aló. Non sei con canta frecuencia, pero quero establecer certas seccións:

-          Seguirei coas miñas reflexión como ata agora viña facendo

-          Experiencias sobre aspectos da vida que me sucede e  que creo de interese para pensar e compartir.

-          Un día a semana, tratarei de publicar unha “vista ao pasado”. É dicir, quero informarme ben sobre certos temas, situación, acontecementos que pasaron e comentalos.

-          Preguntas. Xa hai algunha rondando...

-      Películas e libros. Simplemente comentalos e establecer o meu punto de vista. Temas de interese.


E un cambio, máis notable, que tal vez non teña moito que ver co que nun principio presentaba no blog...

-          Viaxe gastronómica. Como me gusta moito cociñar e innovar, pois gustaríame mostrar aquí as miñas receitas, pero tamén, intentar facer “típicas comidas” dos diferentes países (que algún día visitarei;)).

-          Nutrición e deporte by Saturno. Ao igual ca cociña, outra das miñas paixóns, é o deporte. É por iso, que tamén me gustaría poñer de vez en cando algún que outro consello, ou experiencia.

Faime ilusión esta parte, xa que ambos apartados forman bastante parte da miña vida, e polo tanto, do meu tempo, polo que non vexo de todo mal engadir algo relacionado. Ademais, xa nos coñecemos un pouco máis, e que mellor maneira que adentrarse no mundo de Saturno?

Seguimos no camino...

domingo, 8 de maio de 2016

Vivindo no futuro


A veces cometemos o erro de estar pensando xa no futuro. Non necesariamente como persoa produtiva, senón nun acontecemento, actividade, temporada...futura.

Xa estamos demasiado atados ao pasado como tamén para estalo do futuro. O presente é hoxe, é agora; entón, vivámolo. O que teña que pasar pasará (ou non).

Aproveitar as oportunidades que che presenta o agora, comezar algo que queres xaa, non pensar que hai tempo para facelo. Se é o que desexas, adiante.

Está ben planificar, está ben proporse metas futuras, está ben pensar en proxectos futuros, pero sempre que non se esqueza do presente.

Vida só hai unha, así que minuto que se perde resta na plenitude das túas satisfaccións. Xa dixen que a veces, perder o tempo non estaba mal de todo. Pero se carecen del por algo, é hora de actuar.

Pídocho a ti, e pídomo a min mesma. Teño moitos plans na mente, moitos proxectos  para realizar vou ter que esperar un pouco, mentres tanto, debo sentirme presente no que agora me compete, no que estou a facer hoxe. En menos dun mes, serei libre para comezar esta nova etapa, este pequeno cambio...COMEZAMOS (acabando primeiro co de agora).

mércores, 30 de marzo de 2016

A Escola de Sempre


Empezamos dende ben pequeniños, chega aquel momento no que por primeira vez nos separamos de mamá e papá para deixarnos nas mans dun/ha estraño/a. Esa persoa que a medida que o ano vai pasando, pouco a pouco se vai volvendo máis familiar.
Déixannos alí, dentro dunha especie de habitación, onde hai cadeiras e mesas dispostas ao longo desta. Un encerado, unha mesa máis grande, hai xoguetes (para a nosa sorpresa)  , un colgadoiro para o mandilón que temos que levar... Ese panorama que nos seguirá (ou nos con el) ao longo da nosa vida (para uns máis ca outros) sufrindo determinados cambios a medida que superamos etapas. Dinnos que é unha clase dentro da escola, e que alí se vai a aprender. Ese concepto que crecerá con nós.
Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato... Estás loitando por saír a diante, esforzándote e traballando, pero, a pesar de que a plena aprendizaxe depende do individuo; os profesores, o ambiente, as condicións...tamén inflúen en gran medida.
Chegas, séntaste, chega o profesor e da a lección. Moitos non se centran en máis nada. Acumulacións de informacións abstractas que costan reter na memoria para logo “vomitalas” nun exame. Punto básico de toda a nosa vida como alumnos. Repeticións de fichas, contas e exercicios, ditados, lecturas, correccións... cun escaso sentido práctico.
Persoalmente tiven sorte, e contei con grandes profesores, o que a veces é difícil, que ao longo da túa vida académica te atopes cunha gran cantidade de profesorado que valla a pena. Aínda que tamén están aqueles dos que a penas me acordo, seguramente pouco aprendín con eles.
Dificilmente desta maneira saberemos o que queremos nun futuro. Máis que nada porque a penas existen ofertas de orientación eficaces. E chegamos á Universidade e cando pensamos que todo iso pode cambiar...atópaste igualmente con faltas de organización, profesores que deberían estar retirados, que non saben explicar nunha universidade, decanato que non responde as túas peticións (e se o fai non o xustifica)... O triste é que agora, se estás pagando directamente por “tal” materia, e se a tes, será porque queres aprender e saber dela, porque che gusta o que estás estudando.
Ao final todo xira no mesmo sentido e pregúntaste...que fago aquí? Porque non só tiveches que  competir cos teus compañeiros para poder entrar, senón que ademais, unha vez dentro, tras a túa loita, non atopas a total seriedade que te mereces. Quizais a resposta a miña pregunta sexa simple, como profesora en formación e polo tanto futura mestra, teño nas miñas mans a posibilidade de cambiar aqueles aspectos que,  tras a miña experiencia, non me aportaban nada no meu día a día, e sumarlle aquilo que che fai pensar, emocionar, entreter, rir, pasalo ben mentres aprendo nunha clase.

martes, 1 de marzo de 2016

O Mundo onde todo é Competencia

Creo que o título deixa máis que claro de que vai o post de hoxe....

Dende unhas perspectiva máis metafórica, pódese dicir que incluso antes de nacer, os espermatozoides xa están loitando entre eles para fecundar o óvulo que logo dará lugar a cada un de nós.
Pero, deixando temas da natureza un pouco ao lado, vaiamos coas culturais. Sii, a nosa cultura da competencia. Porque está por todos lados, non damos un paso sen competir co outro, é como a nosa sinal de supervivencia, o instinto do animal salvaxe. Competir por aquilo que todos queren, chegando (en ocasións) a finais non desexables.

O certo é que sen competir, parece ser que non se vai a ningún lado. Aparecen en todos os medios, ese ego de ser o mellor,  a meritocracia na que todos os nenos hoxe en día son educados. Competencia para levar un país a diante. Da pena que para chegar ao poder, todos eses políticos se estean tirando dos pelos, e sacando os “trapos sucios” de cada casa, viven en constante competencia para sacar o maior número de votos (ou non) e gobernar (ou iso din).
Incluso, na competencia do deporte que debería ser a máis sa, non existe tal estado. A gran empresa do fútbol (da que algún día falarei), con millóns de seguidores que loitan entre eles como se non houbera máis vida que este deporte, chegando ás mans, a insultos e demais. En vez de desfrutar do seu equipo prefiren pegarse entre eles. Pero non só estes, que ao fin e ao cabo son unha minoría, senón a prensa que envolve aos deportes, as discusións que provoca con argumentos sen coherencia. E incluso os propios xogadores, que se “pican” entre eles como se foran nenos no patio do colexio.

Pero como ía dicindo, a ningún lado se entra sen competir. Mesmo para poder estudiar, vémonos obrigados a competir cos nosos compañeiros para lograr unha nota superior á deles. E non serve con isto, senón que logo, na hora de atopar traballo tamén te volves a ver na mesma situación. Competencia e máis competencia...


https://innovacionycalidadgrafica.files.wordpress.com/2015/03/competencia.jpg?w=1200

Vivimos en competencia, e como se pode cambiar isto?
Na miña opinión, é un estado complicado do que saír, xa que inconscientemente o estamos facendo, temos ese instinto, temos gañas de competir e sentirse superiores. E onde deixamos o estado de igualdade? Non existe, existen superiores e inferiores, en menor medida que antes, pero segue existindo esa diferencia.  É unha pena, porque defendo a competencia no deporte, sempre que ao acabar o partido todos acerquen a súa man ao xogador/a contrario. Xa que non debe ir máis aló, suponse que todos estamos facendo algo que nos gusta, un día sairá peor e outro mellor. Xa se verá como remata todo isto, pero deducín de min (da miña personalidade) que odio competir, odio ter que compararme, cada un é como é, e debe facerse valer polo que é, sen mirar, nin desprestixiar a ningún outro.

sábado, 13 de febreiro de 2016

Á expectativa


Expectativa, refírese á “esperanza de realizar ou conseguir algo”. Todos temos os nosos obxectivos, queremos loitar para conseguir algo, esquivando as trabas que nos
poidamos atopar no camiño.

Pero, a veces, a xente confúndese, confúndense na causa. A miúdo, se escoita a frase “Quero logralo porque é o que esperan de min”. Dende o meu punto de vista é unha visión errónea. Está claro que é importante que esperen algo bo de ti, que haxa xente que confíe e apoie, pero de aí a que sexa o teu por que... Un debe facer as cousas primeiramente, para a propia satisfacción, lograr a facer algo por un mesmo, porque así o pensei e así o farei.

Porque todo o que facemos debemos realizalo dende os nosos desexos, e non do que desexen de nos. Parece tolería, e moitos pensarán que é unha esaxeración. Por sorte, a min non me pasa, pero moitos fillos están baixo a presión dos seus pais, polo empeño en que realicen algo que non é do seu gusto, tal vez dese algo que eles mesmos non conseguiron ou puideron ser. E non ten nada que ver isto que estou dicindo co “só pensar nun mesmo”. Só plasmo a idea u opinión de que a nosa principal motivación debe ser a de conseguir ese algo que UN quere. Está claro, que se vai acompañado de máis persoas, mellor.

Non hai maior satisfacción que facer algo que gusta, asistir a clases diso que che gusta...non só os resultados serán mellores, senón que a túa felicidade será plena. Ir acercándote ao destino marcado e poder dicir que o lograches.

Pero a calquera ámbito se pode aplicar isto, en calquera cousa que está pensando...dende se queres escribir un libro, ata vivir cantando polas calles,,, todo é apto, non deben existir mellores e peores, deben existir xente que loita polo que quere.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

A Arte de Perder o Tempo


Vaiamos a perder o tempo! Que mal nos pode deparar, non? Pode que sexa unha das propostas máis seguras,,,
Eu sempre dixen que durmir era unha forma moi evidente de perder o tempo, pensa, cantas horas ao longo da nosa vida malgastadas sen facer nada, se fósemos seres sen necesidade de descansar, imaxinade canto tempo teriamos para facer cousas. Pero, como ben sabemos, durmir forma parte da nosa vida, e a verdade que aínda para as persoas que non son de durmir moito (eu inclúome), é un pracer máis como outro calquera.


Pero vaiamos ao caso, estamos para falar aquí daqueles momentos, que cres non estar facendo nada, quizais pasmado cara unha parede, ou simplemente tirado na cama sen máis... Vaia perda de tempo diremos! Pero esta vez, deámoslle a volta, ao mellor estase a construír algo novo, algo positivo para ti... Ao mellor se eu non perdese tanto o tempo, agora este texto non estaría publicado. Porque eu son dos que pensa que, en todos os momentos algo produtivo estás sacando, aínda que sexa simplemente para saber que non deberías volver a ir con túa nai a comprar un vestido, o que sexa.
Momentos desastrosos no instante vividos, pero que seguramente axuden nun futuro; casualidades atopadas por un “sen nada que facer”... É a arte de perder o tempo.
Nin sequera, aqueles momentos que din ser unha perda de tempo o son. Estou a falar agora de xogar na play station, escoitar música, ir dar un paseo, ver unha película....de todo estamos aprendendo, e desaprendendo tamén, por que non dicilo. Pero estamos facendo algo ao fin e ao cabo, por iso que, en realidade, non existe tal perda de tempo, xa que de TODO, se debería sacar algo positivo, aínda que ese algo sexa, sen máis, “unha para aprender, e outra para saber”.